Rexenerando

De onde é? Ferrol
Onde traballa? Provincial
Que fai?

Impartir charlas, Facer publicacións, Divulgar en redes sociais

 

Rexenerando é unha cooperativa sen ánimo de lucro afincada en Ferrol desde 2014. Desenvolven proxectos socioculturais para a xustiza social, integrando a participación social, a igualdade de xénero, e a memoria colectiva.

Para elas, o patrimonio inmaterial é unha ferramenta indispensable para a transformación social; un espazo para o diálogo entre xeracións que permite facer xustiza co noso pasado, e trazar un futuro máis sostible e resiliente. Comezaron a dedicarlle tempo a esta actividade porque consideran que nos relatos das persoas sobre o seu territorio, os cambios que viviron ao longo do tempo, ou os saberes que herdaron, hai tesouros que precisamos para vivir nunha sociedade mellor.

 

Interésalles a recollida de saberes desde unha perspectiva feminista, por iso o seu obxectivo é documentar e divulgar o patrimonio inmaterial e a historia oral, especialmente aqueles saberes e relatos vinculados coa memoria das mulleres, a memoria histórica ou a memoria dos lugares. Interésalles promover o diálogo arredor destes legados intanxibles, tecendo unha urdime entre xeracións e o pasado, o presente e o futuro. Tamén deseñar procesos que involucren ás comunidades na recollida, activación e coidado deses patrimonios.

 

No eido do patrimonio inmaterial, levan a cabo obradoiros de historia oral e saúde comunitaria con persoas maiores de diferentes concellos (Cabanas, Bergondo, Ferrol, etc). Tamén deseñan procesos de investigación participativa coas comunidades.

 

Saber máis