Outras redes
En Saberes Próximos interésannos as persoas e colectivos que traballan arredor dos nosos saberes e tradicións. A nosa intención construindo esta páxina é reunir nun mesmo espazo virtual ás persoas que están traballando neste campo.
Mais existen outras entidades, páxinas web e repositorios, públicos e colectivos, que tamén están a recompilar, preservar e difundir o patrimonio cultural galego e que vos convidamos a visitar:
Proxectos colectivos
Preme na icona para acceder a cada rede
Rede do Patrimonio Cultural
Entidade integrada por 54 asociacións que buscan velar pola proteción, divulgación e defensa do patrimonio cultural galego. Mendiante esta rede buscan crear un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan nela.
APATRIGAL
Asociación Para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. Son obxectivos da Asociación (inscrita no rexistro da Xunta de Galicia) a defensa, concienciación, difusión, valorización e investigación do patrimonio cultural galego, axudando a transmitilo nas mellores condicións posibles ás xeracións futuras.
O seu fin é o fomento do coñecemento da industria nas súas abas técnica, arqueolóxica, histórica, económica, sociolóxica, ambiental e historiográfica. Dende Buxa procuramos a recuperación, a rehabilitación, e a reconstrución material do patrimonio industrial da nosa terra, así como o mellor coñecemento, a defensa e a promoción do dito patrimonio industrial como parte da nosa historia; en definitiva, a posta en valor do noso patrimonio industrial.
Patrimonio Galego
Patrimonio galego é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) construído a partir de WordPress que busca elaborar un Catálogo Social do Patrimonio Cultural galego, estruturado por comarcas e concellos. Asemade, nel tamén se pode recuperar a información por tipo de ben cultural, por cronoloxía, etc.
Colectivo A Rula
Cun nome inspirado por un lugar considerado máxino mais que aínda figura oculto, este grupo de persoas da comarca de Compostela uniuse gracias ao seu interese pola arte rupestre. Xuntas, adícanse á sua divulgación e protección no espazo natural que a rodea.
Historia de Galicia
Un portal sobre o mundo da Historia e do Patrimonio de Galicia. Pretende ser un portal divulgativo de todo o que se fai en Galicia en materia histórica e patrimonial co obxectivo de achegar a historia á xente.
Galicia encantada
Galicia encantada buscar ser unha enciclopedia aberta da fantasía popular de Galicia. Nesta páxina pódense atopar historias que ducias de colaboradoras fan chegar. Estes contos, lendas e narracións publícanse debidamente clasificados e indicando quen a recompilou e posibles vinculacións con lugares de interese patrimonial.
O Baixo Ulla
Un catálogo dixital do patrimonio do Baixo Ulla que comparte información cedida principalmente por persoas vinculadas ao territorio da comarca, sexan ou non residentes nela. O proxecto é o resultado dunha amalgama de intereses e inquedanzas relacionados coa xestión do patrimonio e coa cultura do libre software.
Proxectos institucionais
Preme na icona para acceder a cada rede
APOI
O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) é o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego. Trátase dun arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais, musicais e audiovisuais, así como os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural.
Biblioteca dixital de Galicia
Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia, espazo que permite consultar na rede os fondos bibliográficos máis relevantes da comunidade autónoma. Nela pódense consultar recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes para Galicia como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Seminario de Mondoñedo ou a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
Galicia nomeada
Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela.
Fondo de Música Tradicional
Neste repositorio de música tradicional encadrado dentro do CSIC atópanse dixitalizadas as “Misiones folklóricas del CSIC”, desenvoltas entre 1944 e 1960 por todo o territorio español. Entre as máis 25.000 melodías recompiladas, atopamos moitas pertencentes ao territorio galego.
Cultural Equity
Cultural Equity é a páxina web na que se atopan, en formato aberto, as gravacións realizadas polo etnomusicólogo Alan Lomax. Entre as música tradicionais de numerosos lugares do mundo, atopamos tamén gravacións a músicas de tradición oral galegas.